A Asociación de Veciños de Cabreiros organiza o Gran Cocido de Entroido

A Asociación de Veciños de Cabreiros organiza unha nova edición do tradicional Gran Cocido de Entroido, que se celebrará o sábado 7 de febreiro na Casa Escola de Cabreiros. A cita dará comezo ás 14.30 horas e converterase nun dos actos centrais da programación festiva do Entroido na parroquia.
O menú inclúe sopa de cocido e un cocido completo elaborado con lacón, cacheira, botelo, chourizos, grelos, garavanzos, cachelos e freixós da pedra, ademais de sobremesa, café e licores. A comida está aberta tanto a socios como a non socios da asociación, cun prezo de 32 euros para as persoas asociadas e de 40 euros para o público xeral.
Os tíckets poden adquirirse a través da directiva da asociación e o prazo límite para a súa compra remata o 1 de febreiro. Desde a organización animan á veciñanza a participar nesta xornada de convivencia, gastronomía e celebración do Entroido, que cada ano reúne a numerosos asistentes nun ambiente festivo e familiar.