A Asociación de Veciños de Santa Comba da Órrea, en Riotorto, organiza as festas patronais
A parroquia de Santa Comba da Órrea, no Concello de Riotorto, celebra esta fin de semana as súas festas patronais, unhas festas que tradicionalmente tiñan lugar no mes de setembro pero que xa hai moitos anos foron trasladadas a agosto para que puidesen participar nelas as persoas emigradas.
A emigración foi, precisamente, especialmente dura con esta parroquia, pois, dos seus 647 do ano 1960, apenas hoxe viven nela durante todo o ano 50 persoas. E iso tendo, ademais, en conta que a parroquia en si ten unha notable extensión: practicamente 13 km2.
Por esta razón, e como vén sendo xa común en moitos puntos do medio rural galego, resulta difícil que apareza unha comisión de festas de modo espontáneo. Foi o caso da parroquia neste ano, e por iso a Asociación de Veciños optou por facer unha sinxela programación, de urxencia, para que as festas puidesen ter lugar, e con ela a desculpa perfecta para reunir familias e amigos.
A programación festeira comezará este venres, día 9, ás 20.00 horas, coa proxección da multipremiada película 'A Esmorga', e dun coloquio posterior co seu director, o valdeorrés Ignacio Vilar. Trátase dunha actividade coorganizada pola Asociación e Veciños, polo Club de Lectura “Avelino Díaz” de Riotorto e pola Asociación Cultural Avelino Díaz.
Xa o sábado, día 10, o dúo Belinda amenizará a sesión vermú e a verbena nocturna despois dos actos relixiosos na honra de Santa Comba e de San Antón, que terán lugar ás 13.00 horas.
Na tarde do mesmo sábado, a partir das 18.30 horas, terá lugar un aberto de bólos (birlos) de lastra, coorganizado por ARCASCO (Asociación Recreativa e Cultural dos amigoss de Santa Comba da Órrea). Trátase dunha modalidade de birlos orixinaria da Órrea que foi pioneira na recuperación dos vigorosos birlos do Norte de Galicia. Paralelamente, trataranse de recuperar as normas do xogo do Tanque, unha práctica ordinaria, historicamente, dos nenos e nenas da parroquia que, lamentablemente, se foi perdendo incluso da memoria colectiva.
As festas patronais daranse por rematadas o domingo, 11 de agosto, cunha prolongada sesión vermú animada polo dúo Muralla, despois dos actos relixiosos convocados para as 14.00 horas.
A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea quere agradecer a colaboración de toda a veciñanza. "Só así foi posible, nun tempo récord, organizar un programa festeiro que, doutro modo, sería imposible levar a cabo", explican.