A Asociación Galega de Custodia do Territorio impulsa unha fin de semana de voluntariado ambiental e observación de aves

A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza esta fin de semana dúas actividades abertas á cidadanía co obxectivo de promover a conservación do medio natural e o coñecemento da biodiversidade. Trátase dunha xornada de voluntariado para a poda de árbores froiteiras e dunha saída guiada de observación de aves invernantes.
O sábado 28 de febreiro celebrarase unha xornada de voluntariado no Xardín das Froiteiras, entre as 10.30 e as 14.00 horas. A actividade permitirá ás persoas participantes aprender técnicas básicas de poda ao tempo que colaboran no mantemento e conservación deste espazo. Desde a organización explican que non é necesaria experiencia previa e recomendan acudir con roupa cómoda e axeitada para traballar ao aire libre. As persoas interesadas poden solicitar máis información a través do correo custodiadoterritorio@gmail.com
ou do teléfono 630 94 82 93, así como inscribirse previamente mediante formulario.
A programación continúa o domingo 1 de marzo cunha saída de observación de aves invernantes nas lagoas de Caque e Cospeito, unha proposta pensada para descubrir as especies propias desta época do ano e afondar no valor ecolóxico dos espazos húmidos. A actividade desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas, con punto de encontro ás 10.00 na Casa das Insuas ou ás 10.30 no aparcadoiro da Lagoa de Caque. A saída está aberta a todas as persoas interesadas e recoméndase levar prismáticos para facilitar a observación.
Desde a Asociación Galega de Custodia do Territorio animan á participación nestas actividades como unha oportunidade para aprender, compartir coñecementos e gozar da natureza, ao tempo que se fomenta o compromiso coa protección do patrimonio natural galego.