A asociación ribadense de loita contra o cancro recibe un premio
O novo premio ao mérito no asociacionismo deste 2020 vaino recibir a asociación local de loita contra o cancro. Será no transcurso da IX Gala que se celebrará o 21 de febreiro no hotel Voar.
Alí será distinguido a título póstumo Pablo Vizoso Iglesias, ex presidente do colectivo empresarial. Tamén recibirán os seus premios os gañadores do Concurso de Decoración do pasado Nadal. Trátase de La Solana e Naná. Estes foron algúns dos asuntos abordados na asemblea xeral celebrada no noite de onte.
Segundo explicou Francisco Miguel Iriarte, presidente de Acisa, “este ano os galardoados son a titulo póstumo Pablo Vizoso Iglesias, pola súa traxectoria como asociado e como ex presidente da asociación e pola súa gran labor dirixindo esta entidade nos anos da súa creación. Neste 2020 creamos unha nova categoría, o galardón de Acisa ao mérito no asociacionismo e compromiso social. De forma unánime considerouse que pola súa traxectoria no traballo asociativo e solidario, sendo un dos colectivos con maior relevancia en Ribadeo, polas actividades que realizan, a súa capacidade de convocatoria e a recadación que realizan para unha causa tan importante como a súa, sendo un referente en toda a provincia de Lugo, queremos recoñecer a labor da agrupación da AECC de Ribadeo”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo dixo que “as entradas para todos aqueles que nos queiran acompañar neste dia tan especial están a venda dende hoxe tanto nas oficinas de Acisa Ribadeo como en Gráficas Ribadeo ao prezo de 30 euros. E tamén queremos recordar que na Gala entregaranse os premios do concurso de decoración de Nadal que gañaron La Solana e Naná”.
Eleccións
Nesta xuntanza tamén se procedeu á convocatoria de eleccións. Jesús Pérez contou que “segundo indican os estatutos convócanse eleccións para celebrarse o 27 de febreiro en asemblea extraordinaria. As candidaturas deberan estar presentadas antes do dia 21 de febreiro”.