A asociación Sete Pontes pasará a chamarse Asociación de Empresarios de Vilalba

A Asociación de Empresarios Sete Pontes celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria no restaurante Montero. O encontro serviu para facer balance do ano 2024, marcar as liñas de traballo para o 2025 e aprobar importantes novidades estruturais para o futuro da entidade.
A sesión comezou coa presentación e aprobación das contas anuais do exercicio 2024, nas que se destacou que a asociación pechou o ano con superávit. Este resultado foi posible grazas a unha serie de medidas adoptadas ao longo do ano que permitiron avanzar cara ao gran obxectivo estratéxico da entidade: a autosuficiencia económica. Esta meta, marcada dende anos atrás e asumida pola actual directiva, é clave para garantir que a asociación poida seguir achegando valor aos seus socios, mantendo a súa actividade con recursos propios e con estabilidade a longo prazo.
Tamén se aprobaron modificacións nos estatutos e na identidade visual, entre as que destaca o cambio de denominación: a partir de agora, a entidade pasa a chamarse Asociación de Empresarios de Vilalba, unha decisión consensuada e xa adiantada na asemblea do ano pasado, que busca reforzar a vinculación directa coa localidade.
A continuación, realizouse o balance do ano 2024, no que se destacou o inicio da execución do Plan Estratéxico da asociación, aprobado en marzo do pasado ano e comezado a aplicar desde ese momento. No ámbito do comercio, a entidade logrou o recoñecemento como Centro Comercial Aberto (CCA), o que permite acceder a unha liña de subvencións da Xunta de Galicia que está a facilitar a realización de campañas de dinamización ao longo do ano. Esta liña de traballo, xa consolidada, ten continuidade asegurada polo menos ata 2029, o que garante unha estabilidade na programación de accións en apoio ao tecido comercial local.
No tocante ao polígono industrial, a asociación impulsou a solicitude do recoñecemento do Concello de Vilalba como Concello Emprendedor, un paso clave que fixo posible que, por primeira vez en anos, Vilalba accedese a financiamento da Xunta para actuacións nos polígonos industriais. De feito, o municipio recibiu a maior dotación orzamentaria de Galicia para este tipo de proxectos. Establécese así unha nova metodoloxía de traballo conxunta entre a asociación e o Concello: seleccionar dúas obras prioritarias de mantemento, solicitalas e executalas cada ano, garantindo continuidade e mellora progresiva das infraestruturas.