A Asociación Sete Pontes pecha 2024 con balance positivo e metas claras para 2025
A Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba aproveitou o remate do ano 2024 para facer balance das actividades realizadas e compartir bos desexos para o novo ano. Segundo Iván Fernández, membro da directiva, "este 2024 foi un ano de crecemento, fortalecemento e novos retos que comezamos a afrontar con ilusión".
Un dos principais logros foi a aprobación do Plan Estratéxico 2023-2027, unha guía fundamental para avanzar cara á consolidación de Vilalba como referente empresarial. Entre os fitos destacados figura a obtención da certificación de Concello Emprendedor, que abrirá as portas a importantes subvencións destinadas aos polígonos industriais.
No ámbito do comercio local, a Asociación subliñou o traballo realizado para revitalizar o sector, un esforzo que se viu recompensado coa obtención da denominación de Centro Comercial Aberto, un distintivo que recoñece a dinamización do pequeno comercio da vila.
Ademais, Fernández destacou que 2024 supuxo un punto de inflexión na profesionalización da entidade, coa incorporación dun xerente encargado de atender aos socios e impulsar os proxectos en marcha.
De cara ao novo ano, a Asociación ten entre as súas prioridades continuar apoiando o comercio local e mellorar as infraestruturas no Polígono Industrial, sempre explorando novas oportunidades de financiamento e proxectos que favorezan o tecido empresarial de Vilalba.
"Estamos moi agradecidos polo apoio dos nosos socios ao longo deste ano e desexámoslles un 2025 cheo de éxitos e satisfaccións", concluíu a directiva.