A asociación veciñal de Noche organiza a recepción dos Reis Magos o luns
O vindeiro luns, 6 de xaneiro de 2025, a Asociación Recreativa Cultural Nausti organiza a tradicional recepción dos Reis Magos na Casa Escola de Noche, situada no centro social José Luis Novo Cazón. Será unha xornada especial que comezará ás 11:00 horas, cando as súas maxestades de Oriente percorrerán todos os barrios da parroquia para levar a maxia do Nadal a veciñas e veciños.
A continuación, ás 12:00 horas, terá lugar a entrega de premios do III Certame de Postais de Nadal Noche 2024, no que se recoñecerán as mellores creacións artísticas realizadas pol0s máis pequenos durante as festas. Finalmente, ás 12:30, os Reis Magos farán a súa recepción oficial á cativada da parroquia e aos seus convidados, un momento moi agardado polos máis cativos, que tamén recibirán agasallos como parte da celebración.
Esta actividade, organizada coa colaboración de diferentes entidades locais, busca fomentar a ilusión e o espírito comunitario, convertendo esta data nunha das máis especiais do calendario festivo. A Asociación Recreativa Cultural Nausti convida a toda a veciñanza a participar e gozar dunha mañá chea de maxia e tradición.