A Audiencia de Lugo absolve ao exalcalde de Muras dun delito de prevaricación
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolveu ao exalcalde de Muras, Issam Alnagm Azzam, do delito de prevaricación que lle imputaba a Fiscalía e a acusación particular por asinar varias resolucións de Alcaldía nas que a interesada era a súa esposa. Os xuíces destacan que “non se pode identificar ou establecer unha equivalencia automática entre unha posible nulidade administrativa, que, segundo o perito, sería unicamente por ditarse por emisor manifestamente incompetente, pero non respecto do contido, e prevaricación penal”.
Así, a Audiencia indica que, como reiterou o Tribunal Supremo, “é posible unha nulidade de pleno dereito sen que a resolución sexa constitutiva de delito”, á vez que engade que, neste caso, “nin tan sequera consta que se declarase esa nulidade ou se recorresen ou impugnasen dalgunha forma os acordos da corporación local ou do alcalde”. Ademais, os maxistrados recalcan que tampouco se acreditou que o acusado tivese “coñecemento de actuar en contra do dereito”. Para que exista delito de prevaricación, segundo lembra o tribunal no fallo, é esixible “actuar a propósito da inxustiza da resolución, con plena conciencia de que se resolve á marxe do ordenamento xurídico e de que ocasiona un resultado materialmente inxusto, isto é, con intención deliberada e plena conciencia da ilegalidade do acto realizado”, algo que, neste caso, considera que non se probou.