A Audiencia Nacional confirma as infraccións das industrias do leite
Dá a razón as denuncias de prácticas abusivas por parte das empresas lácteas realizada polo SLG e outras organizacións.
A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional fixo públicas as sentenzas que confirman as condenas ás industrias que formaban o "Cártel do Leite". En total son nove sentenzas, das cales sete confirman integramente os feitos polos que a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia (CNMC) sancionaba en 2019 a estas empresas, e incluso se lle impón a condena en costas por ver desestimado o seu recurso.
Con isto confírmanse as protestas e denuncias públicas do Sindicato Labrego ao respecto das "prácticas ilegais que as empresas executaban para impedirlle ás explotacións cuestións básicas como cambiar de empresa ou reclamar mellores prezos".
"As prácticas do denominado Cártel do Leite datan, canto menos, do ano 2000, no que aínda había en activo 53.355 granxas de leite no Estado -das cales 28.231 eran galegas- e prolongáronse até o 2013. O pacto de prezos fraudulento establecido entre estas industrias lácteas acabou contaminando a totalidade do sector, que fixou uns prezos artificialmente baixos e impediu ás granxas cambiar de empresa, alterando polo tanto as condicións de mercado. Polo tanto, os prezos do resto víronse afectados, prexudicando a todas as granxas que entregaban leite, o cal podía permitirlles reclamar como afectadas contra o Cártel do leite", explican desde o SLG, que realizará asembleas informativas para achegarlle á xente as novidades e situación actual do proceso.
Aínda que as sentenzas non son firmes e poden ser recorridas en Casación ante o Tribunal Supremo, as cualifican de "unha boa noticia para as explotacións gandeiras que decidiron reclamar contra o Cártel do Leite, xa que se veñen a confirmar as teses que dan lugar a dita reclamación, e constitúen un paso importante no camiño da reclamación das perdas económicas ás empresas".
O 11 de xullo de 2019, a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia impúxolle unha sanción a estas industrias lácteas -Capsa Foods (Central Lechera Asturiana, Larsa...), Danone, Lactalis, Industrias Lácteas de Granada, Pascual, Nestlé, Schreiber Food, Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, Gremio de Industrias Lácteas de Cataluña e Central Lechera de Galicia-, que foi recorrida vía xudicial por todas elas.
Das nove condenadas que recorreron, só dúas dúas delas (Puleva e Corporación Alimentaria Peñasanta) conseguiron reducir a sanción por entender que non cometeron a infracción durante todo o período. Respecto da Aelga (Asociación de Empresas Lácteas de Galicia) a sentenza entende que a sanción non está correctamente motivada, e remítelle novamente o expediente á Comisión Nacional de Mercados e da Competencia para que calcule novamente a sanción a impoñer de forma motivada.
En todo caso, confírmanse as condutas infractoras así como a maioría das sancións, e con isto queda máis despexado o camiño cara a reclamación das perdas que sufriron as explotacións produtoras de leite.