A aula CeMIT de Guitiriz achega as finanzas á poboación nun curso en setembro

TerraChaXa
O prazo para inscribirse remata o xoves 29 de agosto
cursos-finanzas-para-todos
Cartel
20 Ago 2024

A aula CeMIT de Guitiriz acollerá no próximo mes de setembro a actividade Finanzas para todos, impartida por profesionais do Banco de España. Esta actividade ten como obxectivo dotar á cidadanía dos coñecementos básicos e das ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsable mediante formación útil, neutral e libre de calquera interese comercial.

A actividade, que conta con prazas limitadas, celebrarase os días 2, 9 e 10 de setembro en horario de 10:00 a 12:30 horas. O prazo de inscricións está aberto desde este martes 20 de agosto ata o xoves da próxima semana, día 29 de agosto.

As inscricións pódense realizar a través da páxina web https://cemit.xunta.gal/gl/centros/guitiriz, enviando un correo electrónico a cemit.guitiriz@xunta.gal ou chamando por teléfono ao 982 37 00 62.

As tres sesións terán unha duración de dúas horas e media e dividiranse en temáticas diferentes. Na primeira sesión falarase de como coñecer o estado da saúde financeira propia, de como afecta a inflación e de como diagnosticar e planificar as finanzas persoais en tempos de incerteza.

Na segunda daranse consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pago, e ensinarase que se debe saber para financiar unha compra ou asinar ou renegociar unha hipoteca.

Por último, a terceira sesión estará dedicada á banca en liña, ao comercio electrónico e ao Bizum, explicando tamén cales son as medidas de protección fronte a ciberdelincuencia e o fraude nas operacións financeiras cotiás.

As tres sesións serán impartidas na aula CeMIT de Guitiriz, que pertence á Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configurada como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando á cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

0.144366979599