A Aula CeMIT de Guitiriz acolle un campamento dixital en xaneiro
A Aula CeMIT de Guitiriz acollerá un campamento dixital para a mocidade o próximo mes de xaneiro. Trátase dunha actividade organizada en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios sobre competencias dixitais.
Será os días 2, 3 e 4 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e terá contidos e actividades adaptados para cada idade, con aventuras, misións e retos adaptados á cativada. En cada aventura, os participantes irán adquirindo novas competencias para utilizar a Internet e as ferramentas dixitais de xeito útil, creativo, seguro e responsable.
Neste campamento dixital poderán participar os rapaces e rapazas de 9 a 11 anos de idade, así como aqueles nenos e nenas que teñan 8 anos e que cumpran os 9 no vindeiro 2025.
Para participar é preciso realizar unha inscrición previa, que se pode formalizar no correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal e no número de teléfono 982 37 00 62, onde tamén se pode solicitar máis información. É preciso un mínimo de 15 participantes.
Nesta actividade, aprenderán a buscar información de valor na Internet, coñecerán as ferramentas para crear contido dixital, consellos para controlar o tempo fronte ás pantallas ou a detectar e previr situacións de ciberacoso, entre outros aspectos.
Este campamento dixital está feito en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e dentro do Programa de Competencias Digitales para la Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia e financiado por Fondos Next Generation da Unión Europea.