A aula CeMIT de Guitiriz retoma a actividade en setembro con cinco accións formativas
Rematado o verán, a aula CeMIT de Guitiriz retoma as actividades formativas en horario de tarde, de catro da tarde a oito do serán. Durante o mes de setembro son cinco as actividades previstas: trámites electrónicos, iniciación á informática, busca de información en Internet, correo electrónico e uso seguro de internet.
No taller de “trámites electrónicos” abordaranse aqueles aspectos referidos aos requirimentos técnicos que son necesarios para facer trámites electrónicos coa denominada "e-administración", os distintos medios de autentificarse que existen así como unha serie de exemplos prácticos coas diferentes administracións para que os participantes poidan comprobar as avantaxes no que abrangue á xestión e consulta de expedientes electrónicos. Neste caso, o obradoiro desenvolverase entre o 4 e o 8 de setembro.
No curso de “iniciación á informática” o alumnado adquirirá as competencias necesarias para desenvolverse a nivel de usuario básico. Complementarase este curso cos de “busca de información en internet” e “correo electrónico” debido á importancia que ten hoxe en día desenvolverse na web para a consulta de información. Así, o alumnado adquirirá os coñecementos e habilidades para navegar pola web utilizando os denominados navegadores, buscar na web, almacenar a información, etc. No que se refire ao correo electrónico, o alumnado aprenderá a manexar con soltura esta ferramenta de comunicación para enviar e recibir mensaxes a través da web. Estes talleres celebraranse entre o 11 e o 15, do 18 ao 20 e entre o 21 e o 22 de setembro, respectivamente.
Finalmente, a través do curso de “Uso seguro da internet” –entre o 25 e o 29 de setembro- incidirase na importancia de manter a privacidade e a seguridade ante ameazas, para o que se abordarán os coñecementos e hábitos que garantizarán a seguridade do internauta na súa utilización da rede de redes.
A maiores das actividades programadas, a aula CeMIT estará aberta ao público en xeral para que poidan facer uso das instalacións e equipamentos. Do mesmo xeito, en todo momento haberá persoal da aula a disposición do público para asesoralos sobre calquera necesidade formativa ou aspecto referido ao uso de novas tecnoloxías.
Aqueles usuarios e usuarias que desexen consultar as actividades que se están programando, así como calquera información referida a esta aula de referencia na Terra Chá, poden facelo en Internet a través do enderezo https://aulacemitguitiriz.wordpress.com/ ou ben nas redes sociais Facebook e Twitter. No mesmo eido, poden inscribirse nas actividades acudindo presencialmente á aula CeMIT ou ben, on-line a través da páxina: https://cemit.xunta.gal//buscador.
Tamén se poden facer as suxestións e consultas que se consideren oportunas enviando unha mensaxe a dirección de correo electrónico: aulacemitguitiriz@gmail.com. Coa información que recibamos se poden programar actividades que se axusten ás necesidades da cidadanía.