A Banda de Música de Ribadeo e a de Meira compartirán escenario o día 10 na vila ribadense

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Banda Municipal de Música de Ribadeo organiza o Festival de Bandas que se celebrará o día 10 de agosto e no que participarán a Banda Municipal de Meira e a ribadense.
2 Ago 2019

A Banda Municipal de Música de Ribadeo organiza o Festival de Bandas que se celebrará o día 10 de agosto e no que participarán a Banda Municipal de Meira e a ribadense. O evento terá lugar no parque San Francisco e previamente haberá un pasarrúas desde o Teatro ata o parque, ás 19:45 horas.

O director da Banda ribadense, David Ballester, anuncia que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo segue cos seus concertos da tempada de verán e o sábado 10 de agosto terá lugar o Festival de Bandas de Ribadeo”.

Ballester conta que “este ano estará a Banda Municipal de Meira máis nosoutros. Empezaremos cun pequeno pasarrúas dende a porta do Teatro ata o parque San Francisco, onde será o festival. Comezaremos ás oito menos cuarto co desfile e ás oito será o Festival de Bandas. En caso de que teñamos a mala sorte de que chova ou faga mal tempo iremos ao auditorio”.

O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo convida “á xente á que lle guste a música de banda e queira disfrutar dese tipo de música a que o sábado 10 de agosto pasen polo parque de San Francisco”.

David Ballester salienta que “por parte da Banda Municipal de Ribadeo todas as obras que se van interpretar neste festival de bandas son de estrea, é a primeira vez que as tocaremos. Así que convidar a toda a xente a que veña disfrutar delas”.

0.19260907173157