A Banda de Música de Touro organiza un concerto homenaxe a José Lodeiro con motivo de Santa Icía

Os amigos da Banda de Música Isabel II de Touro anunciaron a celebración dun concerto-homenaxe póstumo ao seu director fundador, José Lodeiro, coincidindo coa festividade de Santa Icía e co que sería o 52 aniversario do músico. O evento terá lugar o 22 de novembro de 2025, dentro do programa festivo de Touro.
A iniciativa pretende reunir nunha gran banda a todas as persoas que, ao longo da súa traxectoria, compartiron escenario ou proxectos con Lodeiro, que era o director da banda das Pontes desde hai 12 anos, xa fose en bandas, orquestras, charangas ou no eido docente. O conxunto levará o nome de Banda de Amigos de José Lodeiro, e estará dirixido por José María Blanco Pampín, exdirector da Banda de Arca.
O concerto celebrarase ás 19:00 horas nunha carpa instalada con motivo da festa, e incluirá pezas destacadas da carreira musical de Lodeiro, así como varios arranxos compostos por el mesmo.
A organización fai un chamamento a todos os músicos que desexen participar para que se poñan en contacto cos coordinadores antes do 1 de novembro, co fin de calcular o número de intérpretes, preparar o espazo e distribuír o repertorio.
“Queremos que este concerto sexa unha homenaxe sentida e colectiva, aberta a todos os que compartiron con José a súa paixón pola música”, explican desde a Banda Isabel II, que convidan tamén a quen leve tempo sen tocar a sumarse á iniciativa.
Os organizadores destacan que o evento “será unha experiencia única e moi emotiva, un recordo vivo para quen dedicou a súa vida á música e á formación de novas xeracións de músicos”.
As persoas interesadas poden contactar con Moncho López (696 52 60 56), Eloy Fernández (697 18 77 55) ou Iván García (669 34 59 66).