A Banda de Música de Vilalba celebra o concerto de Santa Icía coa presentación da Minibanda

TerraChaXa
A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) está a ultimar o seu tradicional concerto de Santa Icía, este sábado.
concerto santa icia vilalba portad
21 Nov 2022

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) está a ultimar o seu tradicional concerto de Santa Icía, unha cita que terá lugar este sábado 26 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez.

A agrupación dirixida por Dani Veiga interpretará obras dos grandes mestres neerlandeses da composición bandística e a cita suporá tamén a estrea da Minibanda no auditorio.

O director da agrupación, Dani Veiga, quixo destacar que o deste sábado será “un concerto moi especial”, xa que suporá “a estrea oficial no auditorio” da ‘Minibanda’, o proxecto pedagóxico no que tanto a banda como a Escola de Música de Vilalba (ESMUVI) veñen traballando “desde hai uns meses”, contando tamén coa implicación de boa parte do alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba.

“Grazas a este conxunto de iniciación, cativos e maiores están comezando a adentrarse no mundo da música de banda, nun proxecto que nos seus poucos meses de andaina está a xerar unha enorme ilusión para todos os que estamos envoltos nel”, suliñou Veiga.

Nesta ocasión, os membros da ‘Minibanda’ interpretarán unha serie de pezas da colección Band Time, do pedagogo musical e compositor neerlandés Jan de Haan, recoñecido polo seu corpus de obras orixinais para formacións bandísticas ou de adaptacións para as mesmas.

Música neerlandesa para banda

De feito, a música para banda de catro dos máis recoñecidos compositores neerlandeses dos últimos anos será a liña conductora do programa que interpretará a Banda de Música de Vilalba xusto despois da actuación da Minibanda.

En concreto, o setlist da agrupación vilalbesa estará conformado por obras dos irmáns Jan e Jacob de Haan, Jan Van der Roost, e Johan de Meij, todos eles grandes divulgadores da música para banda e mestres da composición bandística a nivel internacional.

“Sen dúbida, vai ser unha noite máxica para todos nós, e queremos compartila co pobo de Vilalba enchendo o auditorio este sábado”, convidou Dani Veiga.

cartaz santa icia vilalba
0.10268712043762