A Banda de Música de Vilalba fará os concertos de Nadal na propia capital chairega e en Mondoñedo

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) ultima os preparativos do seu tradicional Concerto de Nadal, que terá lugar o vindeiro xoves 25 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. A actuación, dirixida por Dani Veiga, xirará arredor da música vienesa de aninovo, cun protagonismo especial para os principais membros da familia Strauss, e incluirá tamén dúas pezas en homenaxe a Maurice Ravel e Georges Bizet, con motivo do 150 aniversario do nacemento do primeiro e do falecemento do segundo, coincidindo este último coa estrea da súa coñecida ópera Carmen.
Nesta edición, o concerto de Nadal da banda vilalbesa amplía o seu alcance territorial e contará con dúas actuacións adicionais. A primeira foi o sábado, na Casa da Cultura de Alfoz, e a segunda o venres 26, ás 20:00 horas, na Catedral de Mondoñedo. Segundo destacou o presidente da asociación, Baruk Domínguez, esta extensión do programa responde á vontade de “facer bisbarra” con localidades veciñas e de permitir que o traballo realizado durante semanas polos músicos non se concentre nunha única data.
No caso da actuación de Mondoñedo, a entrada será libre ata completar o aforo permitido. Para o concerto de Vilalba, as localidades, tamén gratuítas, poderán reservarse a través da web entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura. Ademais, o público asistente terá a oportunidade de colaborar con Cáritas Diocesana, que instalará unha mesa de cuestación no recibidor do auditorio.
Xunto á banda titular, as formacións máis novas da entidade tamén terán un papel destacado nestas datas. A Minibanda e o Minicoro de Vilalba ofrecerán dúas actuacións conxuntas. A primeira foi aberta ao público e tivo lugar o domingo 21 de decembro no marco da programación da Feira do Capón de Vilalba, cun repertorio específico para banda infantil e algunhas pezas propias do Nadal. A segunda celébrase este luns 22 no Hospital Asilo, nun concerto pechado ao público externo co que os pequenos músicos desexarán boas festas ao persoal, ás persoas residentes e ás súas familias.
O Minicoro é un proxecto pedagóxico da Escola de Música de Vilalba (ESMUVI) iniciado no curso 2022-2023 baixo a dirección de Baruk Domínguez e conta na actualidade cunha vintena de nenos e nenas de entre sete e once anos. Pola súa banda, a Minibanda, froito do traballo conxunto entre a escola e a banda e dirixida por Dani Veiga, continúa a consolidarse dentro da programación musical vilalbesa tras un recente proceso de renovación, coa incorporación de novos compoñentes e a colaboración puntual dalgúns membros que xa deron o salto á banda principal.
Como complemento a estas citas musicais, estrearase tamén un novo episodio de O Podcast da Banda, a iniciativa radiofónica que cumpre o seu terceiro aniversario nestas datas. O episodio número 19 viu a luz o venres 19 de decembro baixo o título Cea-baile coa familia Strauss… e dous convidados franceses, en clara referencia ao repertorio do Nadal. De cara a 2026, os seus impulsores, Baruk Domínguez e Dani Veiga, prevén seguir facendo medrar o proxecto coa participación de máis membros da banda, doutras entidades vilalbesas e de persoas vencelladas ao mundo das bandas de música, sen descartar a realización de programas en directo con gravación en vídeo.