A Banda de Vilalba celebra este 8 de marzo un concerto extraordinario

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) organiza este domingo 8 de marzo un concerto extraordinario no Auditorio Municipal de Vilalba, que principiará ás 19:00 horas do serán.
O concerto comezará cunha interpretación da Misa Pastoral (Pastoralmesse) do compositor xermano Karl Kempter, a cargo dun pequeno ensemble da banda e coa colaboración nas voces da Aula de Canto do Conservatorio Profesional Xoán Montes de Lugo, baixo a coordinación da profesora Luz Alonso e a pianista Susana Regadío.
A continuación, será a quenda de escoitar o bo facer de dúas das gañadoras do IV Concurso de Solistas do Conservatorio Profesional de Vilalba, a clarinetista Sabela Cornide Díaz (2016) e a saxofonista Zaira Goás Prado (2009), que interpretarán, respectivamente, La fille aux cheveux de lin, do francés Claude Debussy, e a Ballade do estadounidense Alfred Reed, ambas acompañadas por cadanseu conxunto da banda.
No caso dos outros dous gañadores, o trombonista Xoel López Pena (2014) e Martín Saavedra Puente (2009), a quenda para poder velos e escoitalos será no Recital de Fin de Curso do Conservatorio Profesional de Vilalba, previsto para o sábado 30 de maio.
Finalizadas as intervencións máis camerísticas será a ocasión para escoitar á banda ao completo, con tres obras que van do contemplativo ao pastoral: October, do estadounidense Eric Whitacre; Pastorale de Provence, do suízo Franco Cesarini; e Canterbury Chorale, do belga Jan Van der Roost.
O director das diferentes agrupacións que desfilarán este domingo polo escenario, Dani Veiga, quixo destacar o carácter “extraordinario” dun programa que vai “dende a tradición sinfónico coral ata o século XX francés, e dende a música de cámara ata un dos grandes cumios do repertorio bandístico”.
Pola súa banda, o presidente da asociación, Baruk Domínguez, quixo destacar as “excelentes sinerxias” coas entidades e colectivos que “dun ou outro xeito participan no concerto”, prometendo “máis e mellores colaboracións deste tipo de cara a vindeiras ocasións”.
Paralelamente, como xa é habitual en cada actividade organizada pola asociación, nestes días preséntase un novo episodio de O Podcast da Banda, neste caso o número 20, que leva por título Espírito de igualdade.