A Banda de Vilalba celebra este sábado o concerto de Santa Icía

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) celebra o seu tradicional Concerto de Santa Icía este sábado 22 de novembro, día propio da patroa, ás 20:00 horas do serán no Auditorio Municipal da capital chairega.
A agrupación dirixida por Dani Veiga presentará un programa de seis obras orixinais para banda baseadas nos catro elementos clásicos -aire, auga, lume e terra-, e que levará por título Rostros da natureza.
O director da banda avanzou que “o zoar do vento, o poder da deidade do lume, a maxestuosidade da terra e a auga como forma de vida primixenia” estarán representados “a través dos sons dos instrumentos de vento e percusión”, nun concerto para todos os públicos e con entrada libre ata completar o aforo do auditorio vilalbés.
As entradas, totalmente gratuítas, xa se poden reservar na páxina de entradasvilalba.es ou presencialmente na Casa da Cultura de Vilalba.
Asemade, e como vén sendo habitual, cada concerto da banda vén acompañado dun novo episodio de O Podcast da Banda, un proxecto radiofónico propio que a asociación leva a cabo con motivo das súas actuacións e outras actividades.
O novo capítulo, titulado Menudos elementos, no que se fai unha presentación máis exhaustiva das pezas do concerto, xa se pode escoitar a través das plataformas iVoox e Spotify.