A Banda de Vilalba celebra o domingo o tradicional concerto de Nadal
A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) está a ultimar o seu tradicional Concerto de Nadal, unha cita que terá lugar este domingo, 25 de decembro, ás 20:30 horas do serán, no Auditorio Municipal Carmen Estévez da capital chairega.
O director da agrupación, Dani Veiga, quixo destacar que o deste domingo será un “concerto moi especial”, xa que contará coa participación doutras tres entidades culturais do municipio, como son a Escola Municipal de Teatro, a Escola de Movemento e a Escola de Música de Vilalba (Esmuvi).
Neste último caso, a tradicional cita de Nadal da banda suporá a estrea do Minicoro, un proxecto pedagóxico no que a escola está a traballar desde o comezo deste curso 2022-2023 baixo a dirección de Baruk Domínguez, e que conta actualmente cunha ducia de membros de idades comprendidas entre os catro e os doce anos.
En canto ao evento en si, Dani Veiga asegurou que se seguirá “o formato habitual do Concerto de Aninovo” que cada ano interpreta a Filharmónica de Viena e do que gozan millóns de espectadores en todo o mundo.
Con todo, o director da banda tamén avanzou que haberá “novidades, sorpresas e moito talento vilalbés” na cita deste domingo.
O Podcast da Banda
Ademais, co gallo deste Concerto de Nadal, presentouse esta semana O Podcast da Banda, unha “aventura radiofónica” á que pode acceder todo o mundo a través das redes sociais da asociación.
Trátase dun programa de pequeno formato, duns 15 minutos de duración, que servirá para presentar actuacións, proxectos e outras iniciativas relacionadas coa Banda de Música de Vilalba en particular e coa música de bandas en xeral.
Neste caso, o primeiro episodio leva por título “Ano Novo en Viena… ou Nadal en Vilalba?”, e versará sobre algunhas anécdotas e datos históricos relacionados coa música que se interpreta habitualmente neste tipo de concertos.
A idea dos seus impulsores, Baruk Domínguez e Dani Veiga, é publicar este podcast cunha periodicidade mensual, contando coa colaboración de máis membros da banda e doutras entidades vilalbesas, así como de persoas relacionadas co mundo da música de bandas a todos os niveis.