A banda e a escola de música de Meira cumpren 20 anos

TerraChaXa
A banda e a escola de música de Meira cumpren 20 anos e teñen previstas numerosas actividades ao longo do ano entre elas gravar un disco
banda de musica de meira foto oficial
30 Abr 2023

Teñen previstas numerosas actividades ao longo do ano, que se concentrarán na semana das festas, cando se presentará o disco que están a gravar.

Fai 20 anos, a vila de Meira viu nacer a súa escola de música e tamén a súa banda e este ano, este colectivo, que é un referente na localidade, ten prevista unha serie de accións co obxectivo de que a efeméride non pase desapercibida.

A banda xurdiu grazas ao impulso de Rosendo Folgueira Valle, que tiña a intención de crear unha escola de música en Meira, e dito e feito, púxose mans á obra. Ese mesmo ano púxose en marcha, no 2002/03, e ao rematar o primeiro ano xa estaba creada a banda, que fixo ese mes de xuño a súa primeira actuación.

Aquela primeira formación contaba con 17 persoas, dirixidas xa polo que hoxe segue a ser o seu director, Fran Cupeiro. O que si que mudou é o número de compoñentes, que hoxe é de 30 persoas, unha cantidade castigada polo efecto da pandemia da covid.

E como a música é un nexo de unión para todos, na banda, e na prebanda tamén, unha formación musical máis orientada á aprendizaxe e á preparación para a principal, conviven xentes de todas as idades. Agora mesmo desde pequenos de 7 anos ata algún maior de 82 tocan baixo a mesma dirección.

Para desfilar baixo o estandarte da banda de Meira hai que pasar dous anos de formación na prebanda, que sempre a houbo pero que nos últimos tempos estáselle dando un protagonismo especial e incentivando o seu crecemento.

Os pequenos que se forman na prebanda pasan á banda cando están listos e así seguen unha tempada, unhas veces máis curta outras máis longa e despois unha porcentaxe deles vaise. Na maior parte dos casos marchan aqueles que van estudar fóra, ou a traballar mentres que esta fortalécese cos que están afincados.

Unha das principais características da banda municipal é que se creou con xente de Meira ou formada musicalmente na vila

Ao longo destes anos foi moita a xente que pasou polas aulas e que formou parte desta gran familia. Agora mesmo, do grupo orixinal só quedan tres músicos e como explica o seu director, cada 6 o 7 anos hai como unha renovación dos músicos, o que supón “un traballo continuado porque cando todo está formado e funciona ben hai que renovar a maior parte e temos que volver empezar”.

Segundo as estatísticas pasaron pola Banda de Meira máis de cen persoas, deixando en todos eles experiencias, amizades e algún que outro amorío que rematou tamén en voda.  Moitos dos que pertenceron á mesma continuaron coa súa carreira musical e outros as obrigas da vida alonxáronnos durante un tempo.

Con este aniversario, a Banda de Música quere lembrar que sempre foron e sempre serán unha gran familia. “Non só é tocar, é todo tamén. Ti ves medrar os rapaces, ves a súa conexión. Para min, como director, é como si fose a miña casa e a nivel persoal iso é dunha riqueza impresionante”.

Este aniversario é unha lembranza de todo o traballo realizado ata o de agora que confluirá na que consideran a súa actuación máis especial, a que terá lugar para abrir as festas de Meira, en agosto, onde son peza indispensable desde a súa formación. Pero ademais, poden engadir as cabalgatas de reis de Oviedo, onde levan participando máis de 16 anos, ou os dez anos nas procesións de Lugo, concretamente na da Virxe da Esperanza.

Ademais, como principal acto deste 20 aniversario, a banda ten previsto sacar o seu primeiro disco. Aí recolleranse temas de todo tipo e adaptados a todos os gustos, desde os clásicos ata temas máis actuais.

Será precisamente durante as festas cando se faga a presentación deste disco, no que figuran temas cun toque emocional, como un dos primeiros músicos da banda, que tocará a mesma peza que cando era un pequeno de 9 anos; ou a participción de Marta Pacín, a recanteira da Terra Chá.

Será nestes días cando organicen a súa comida anual tradicional, que este ano será aínda máis grande. Ademais, teñen invitadas dúas bandas e moitos outros eventos que irán anunciando pouco a pouco.

Tamén ten previsto realizar unha xira por todos os concellos onde teñen músicos, como Castro de Rei, Lugo, Pol, Ribeira de Piquín, A Pontenova e Riotorto. Outro dos actos centrais foi nesta Semana Santa a lembranza da Confraría de Meira, que organizou unha exposición da historia da banda e lle dedicou a celebración.

Unha das principais características da banda é que se creou en Meira con xente de Meira, ou polo menos formada musicalmente en Meira porque como sempre explican, a súa filosofía principal é “traballar cos músicos propios”. De feito, hai un número fixo de entre 15 e 20 persoas que teñen un compromiso en firme coas citas e actuacións, “porque a xente vén a pasalo ben, a desconectar”.

O respaldo da banda está da man do Concello, que apoia en todo tanto á banda como á escola de música e inviste no seu mantemento, sobre todo nos instrumentos e uniformes.

banda de musica de meira
banda de musica de meira actuacion
exposicion sons no tempo banda musica meira
banda de musica meira ensaio
banda de musica meira ao completo
0.15666508674622