A Biblioteca Agustín Fernández Paz celebra o Día de Rosalía cun espectáculo familiar de narración e monicreques

A Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz acollerá o luns 23 de febreiro unha actividade especial dirixida ao público familiar con motivo da celebración do Día de Rosalía de Castro. A proposta forma parte da programación cultural arredor desta efeméride e busca achegar a figura da poeta galega ás crianzas a través da palabra e da imaxinación.
A partir das 18.00 horas terá lugar o espectáculo de narración oral e teatro de monicreques Novos Lobos, a cargo da compañía Fantoches Baj. A función está recomendada para nenos e nenas a partir de 3 anos e combina contos, personaxes e historias pensadas para fomentar o gusto pola literatura e polo teatro desde idades temperás.
Desde a organización sinalan que as prazas son limitadas, polo que é preciso realizar inscrición previa para poder asistir á actividade. Con esta iniciativa, a Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz súmase á celebración do Día de Rosalía de Castro cunha proposta cultural pensada para compartir en familia e para manter viva a memoria e o legado dunha das figuras máis destacadas da literatura galega.