A biblioteca das Pontes arrinca unha nova edición do Reto Lector
A biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco, do Concello de As Pontes, pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, a iniciativa “O reto lector” co obxectivo de fomentar a lectura entre toda a veciñanza, lograr que, tanto adultos como menores, gocen da literatura e promover unha lectura o máis variada posible.
Así, os ponteses e pontesas que se unan a esta iniciativa deberán ler un total de 12 libros, no caso do público infantil, e 14 títulos no caso dos adultos, de entre o amplo catálogo de títulos dos fondos municipais e, co obxectivo de facilitar a elección de títulos, establecéronse varias categorías temáticas a partir das cales os lectores poderán organizar as súas lecturas e prazos do modo que máis lles conveña, sendo o recomendable ler un título ao mes.
No caso do público infantil as categorías elixidas son un libro que sexa novidade na biblioteca, un libro de poesía, un conto clásico, unha biografía, un libro de natureza, un álbum ilustrado ou un cómic, un libro de folclore, un título dedicado a unha personaxe de cinema, unha lectura recomendada por un familiar, un premio literario, un libro de viaxes e un título dalgunha colección de éxito.
Os adultos terán que elixir 14 títulos entre unha novidade literaria que haxa na biblioteca, un libro de non ficción ( ensaio, biografía…) un título dalgún escritor ao que se lle dedicasen as Letras Galegas, un libro escrito por unha muller, unha obra lírica ou unha tradución ao galego.
Tamén terán que ler un libro de relatos, o título favorito dun familiar ou dun amigo, unha obra teatral, un libro relacionado con As Pontes ou a comarca, un bestseller, un libro que deberían ter lido no colexio e non leron, unha obra sobre a vida cotiá e algún título que levase un premio literario galego.
Co obxectivo de axudar a elixir un título para cada unha das propostas suxeridas, desde a biblioteca municipal realizarase unha selección de títulos que estarán a disposición dos lectores e lectoras nos andeis dedicados ao reto lector.
Desde o Concello, Sonia Sueiro apunta que con esta proposta non só se quere dinamizar a lectura entre os socios e socias, e os usuarios e usuarias da biblioteca municipal, senón tamén entre outros moitos veciños e veciñas que se marcaron ler máis entre os seus propósitos do ano 2019.
“Trátase dunha iniciativa que tivo moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Desde o ano 2017 foron máis de 250 os ponteses e pontesas que participaron neste reto lector. Logramos incrementar o número de socios/as, cada día son máis os menores que se achegan a participar nas actividades organizadas desde a biblioteca Enrique Rivera Rouco e conseguimos mover libros que ata agora non tiñan moitos préstamos achegando novas temáticas os usuarias e usuarios e contribuíndo ao nacemento de novos lectores” remarca a concelleira de Cultura.
Os lectores e lectoras que logren completar o reto, ao finalizar o ano, recibirán un recoñecemento ao seu compromiso coa lectura e haberá sorpresas para todos e todas as participantes.