A biblioteca das Pontes inicia hoxe a celebración do Día das Bibliotecas
A Biblioteca Municipal de Rivera Rouco celebra o Día das Bibliotecas cunha gran festa que se inicia hoxe e que se prolongará ata o sábado, con dúas actuacións.
Así, esta tarde, dentro do programa Xoves na Biblio, o grupo Teatro Ghazafelhos presenta, ás 18.00. horas na Casa Dopeso, a súa actuación Monstros no Camiño.
Nela, tres investigadores de Europa do leste viaxaron polo camiño de Santiago para desmontar os mitos dos seres ou fenómenos locais. O xoves, farán un simposium para amosar os resultados da súa aventura. Con axuda dunha máquina da súa invención, serán capaces de convocar os distintos “monstros” dos que falan para amosar a súa falsidade ou non…
Tamén, este sábado, 26 de outubro, ás 17:00 horas, nun evento, dirixido a todos os públicos, contará cunha actuación especial de Magín Blanco titulada Caderno de cores e cancións, pensada especialmente para o goce dos máis pequenos.
Con entrada totalmente gratuíta, esta celebración ofrecerá actuacións musicais e moitas sorpresas, facendo deste día unha ocasión especial para achegarse á biblioteca e desfrutar dunha tarde de música e diversión en familia.
Ademais, ás 18:00 horas acollerá un concerto especial do grupo pontés Arrivederci. O evento, organizado polo Concello das Pontes, brindará aos asistentes unha tarde de música ao vivo a cargo desta banda local.
A actuación forma parte das actividades conmemorativas destinadas a destacar a importancia das bibliotecas como espazos de cultura e encontro, e ofrecerá unha oportunidade para gozar dunha experiencia cultural enriquecedora nun ambiente único.
As entradas son de balde.