A biblioteca de Guitiriz celebra unha actividade de fomento da lectura na rapazada
A biblioteca pública municipal de Guitiriz acolle o próximo venres 6 de setembro a actividade Iguais e diferentes para a dinamización da lectura entre a xente xove. Terá lugar na Casa Habanera ás 11:30 horas e está destinada a un público infantil.
Trátase dun novidoso espectáculo cociñado con maxia, contos e moitas outras sorpresas acompañadas de grandes doses de concienciación, sorrisos e unhas pinguiñas de amor. Ao remate, os asistentes cociñarán en equipo un pastel de forma máxica que poderán saborear.
É unha actividade encadrada no proxecto ‘Ler Conta Moito’ na que a rapazada gozará da lectura, sendo os contos, a maxia e os xogos os fíos condutores. De feito, o espectáculo sérvese destes tres factores para poñer énfase na toma de conciencia de que todos e todas somos iguais e temos os mesmos dereitos e deberes.