A biblioteca de Guitiriz recibe o primeiro premio María Moliner

TerraChaXa
Primeiro Premio María Moliner para a B.P.M. Casa Habanera de Guitiriz grazas un proxecto que recompila actividades para incentivar a lectura
premio maria moliner biblioteca casa habanera guitiriz
14 Xul 2023

A Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera de Guitiriz, reactivada no ano 2020, vén de conseguir o seu primeiro premio María Moliner, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para distinguir ás bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo "un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías".

En concreto, a biblioteca foi premiada polo proxecto A Biblioteca sen parar, ao teu alcance, que recompila as case 50 actividades desenvolvidas no último ano para a promoción da lectura entre todos os sectores da sociedade.

Entre todos os proxectos propostos, participaron máis de 550 bibliotecas a nivel nacional, repartíronse preto de 1.100.000 euros: 360 reciben un importe individual de 2.772,22 euros e as 10 bibliotecas coas puntuacións máis altas reciben un importe de 10.000 euros.

O obxectivo do Concurso de proxectos María Moliner, organizado polo Ministerio de Cultura e Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), é incentivar as accións de animación á lectura dirixidas a toda a veciñanza, con especial atención a colectivos con dificultades para o acceso á lectura, en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma respectiva e realizadas por bibliotecas públicas de municipios con menos de 50.000 habitantes.

0.10833501815796