A biblioteca de Vilalba celebra o Día internacional do libro infantil o xoves

Esta semana celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e a Biblioteca Municipal de Vilalba ten preparada unha actividade moi especial para conmemorar esta data. O xoves 3 de abril, ás 17:30 horas, os máis pequenos poderán gozar do espectáculo Viaxes e cancións dos ratos de lonxetodo, da compañía Trinketrinke Teatro.
Dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos, este espectáculo combinará narración, música e moita diversión. Ademais, os integrantes de Trinketrinke Teatro aproveitarán a súa visita para presentar o seu libro e asinar exemplares para os asistentes.
A entrada é gratuíta, pero as prazas son limitadas. Para participar, é necesario inscribirse previamente a través deste formulario.