A biblioteca de Vilalba convoca un concurso para escoller mascota
Con motivo da celebración do Día do Libro, o 23 de abril, a Biblioteca Municipal de Vilalba anda na procura dunha mascota e para atopala abriu unha convocatoria a todos os nenos e nenas da localidade.
Abre así un concurso de deseño da mascota no que poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do concello de Vilalba, cun máximo dun deseño por persoa.
O único requisito que se debe cumprir é presentar un deseño orixinal, convertible en marioneta e ambientado nun personaxe ao que lle guste vivir entre libros e queira gozar de mil aventuras.
Para participar hai que deseñar a mascota sobre un papel ou cartolina en tamaño A4 e entregalo na Biblioteca Municipal ata o vindeiro luns 20 de maio.
Para poder proceder á entrega débese introducir o papel, acompañado dunha nota co nome, apelidos e idade do/a autor/a, nun sobre pechado.
O deseño elixido será agasallado cun lote de libros por valor de 50 euros.