A Biblioteca de Vilalba convoca un proceso de selección para unha praza fixa

TerraChaXa
As persoas interesadas teñen de prazo ata o xoves 3 de outubro para presentar a súa solicitude exclusivamente por medios electrónicos
BIBLIOTECA-MUNICIPAL-vilalba
13 sep 2024

O Concello de Vilalba fixo públicas as bases que rexen a convocatoria dunha praza de bibliotecario que prestará servizos como persoal laboral fixo na Biblioteca Municipal.

O sistema de selección de persoal será o de oposición-libre para o cal as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro xoves, 3 de outubro, exclusivamente por medios electrónicos. As persoas admitidas deberán enfrontarse a tres exercicios obrigatorios e eliminatorios, dous de carácter teórico e un de tipo práctico.

En canto aos requisitos de acceso, será indispensable ter nacionalidade española ou algunha outra que permita o acceso ao emprego público; estar en posesión ou en condicións de obter o título académico de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente; non ser separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública; ter cumpridos 16 anos e posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

Pola súa banda, as funcións a desenvolver serán fundamentalmente as vencelladas ao perfil profesional: rexistrar, ordenar e realizar o control de fondos bibliográficos, atender aos usuarios sobre información xeral da biblioteca e os servizos relacionados, tramitar suxestións e queixas, manexar o sistema de xestión bibliotecaria do centro, etc.

As bases íntegras poden consultarse no BOP de Lugo do 5 de setembro do 2024.

0.19499588012695