A Biblioteca de Xermade arranca co Reto Lector, no que se lerán 10 libros

A Biblioteca Municipal de Xermade puxo en marcha o Reto Lector 2026, unha iniciativa coa que convida ás persoas usuarias a fomentar o hábito da lectura ao longo de todo o ano. A proposta consiste en ler dez libros de distintas temáticas, seleccionadas desde a propia biblioteca, co obxectivo de achegar ás lectoras e lectores a xéneros, estilos e autorías variadas.
Nesta edición, o reto inclúe lecturas dun autor ou autora da Terra Chá, libros protagonizados por mulleres, clásicos literarios, obras ou autores premiados, poesía, libros baseados en personaxes reais, cómic, libros escritos en galego, historias centradas nos vínculos familiares e novelas de misterio.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse na biblioteca municipal, onde recibirán un pasaporte lector que se irá selando a medida que vaian completando cada unha das temáticas, sen que exista unha orde obrigatoria para as lecturas. O reto está aberto a participantes de todas as idades.
Desde a Biblioteca Municipal de Xermade ofrecerase asesoramento personalizado para axudar a escoller as lecturas que mellor se adapten aos gustos e intereses de cada persoa. Ao remate do ano, entre todas aquelas que consigan completar o reto, sortearase un lote de libros.
Desde o Concello de Xermade anímase á veciñanza a sumarse a esta iniciativa e a converter o 2026 nun ano cheo de lecturas.