A Biblioteca de Xermade convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2025

TerraChaXa
O prazo para entregar os traballos remata o 16 de maio e deberán presentarse directamente na Biblioteca
libros-recursoo
5 May 2025

A Biblioteca Pública Municipal de Xermade vén de convocar a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2025, unha iniciativa cultural que pretende fomentar a creatividade e o uso da lingua galega entre os máis novos. O certame está dirixido a todas as nenas e nenos do municipio que queiran participar con narracións ou debuxos arredor do tema “Ler con coñecemento”.

As narracións deberán estar escritas en galego e ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara, mentres que os debuxos deberán realizarse sobre papel ou cartolina tamaño DIN A4. A temática busca poñer en valor os libros que, ademais de entreter, permiten coñecer o mundo: desde como funciona un volcán ata como voa un avión. As persoas participantes deberán reflexionar sobre os libros que lles gustaría atopar ou que xa coñecen e que lles chamaron a atención.

Cada autor ou autora poderá presentar cantos traballos desexe, escritos a man (sempre a bolígrafo), a ordenador ou mecanografados, acompañados dunha folla cos seus datos persoais. Establécense tres categorías por idades: A (ata 8 anos), B (de 9 a 11 anos) e C (de 12 a 16 anos).

O prazo para entregar os traballos remata o 16 de maio e deberán presentarse directamente na Biblioteca Municipal de Xermade. O xurado estará presidido pola concelleira delegada de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Nélida Coira Pena, e contará con profesionais do ensino e da área educativa do Concello.

Os traballos premiados nesta fase local pasarán a representar a Xermade na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo e patrocinada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Os premios consistirán nun diploma acreditativo e un lote de libros por valor de 30 euros.

A biblioteca informa tamén de que os traballos premiados pasarán a ser da súa propiedade, reservándose o dereito de publicación dos mesmos. A participación no certame implica a aceptación de todas as bases.

⚙ Configurar cookies
0.16737580299377