A Biblioteca de Xermade dá a coñecer os gañadores do Certame de Poesía de Nadal 2025

A Biblioteca de Xermade vén de facer públicos os nomes das persoas premiadas no Certame de Poesía de Nadal 2025, unha iniciativa que un ano máis contou cunha ampla participación e que contribúe a fomentar a creatividade literaria arredor destas datas tan sinaladas.
Na categoría A, os premios recaeron en María Piñeiro Campo e Manuela Pérez Amarelo. Pola súa banda, na categoría B resultaron gañadoras Martina Fernández Salgado, Elena Gato Ares e Raúl Pérez Amarelo. Finalmente, na categoría C o recoñecemento foi para Alba González Romero.
Desde a Biblioteca de Xermade trasladan os parabéns a todas as persoas gañadoras e agradecen a participación de quen tomou parte nesta edición do certame, destacando a importancia de seguir mantendo viva a poesía e o gusto pola escrita entre lectores e lectoras de todas as idades.
O xoves 29 celebrarase a entrega de premios a partir das 18.15 horas. A continuación, ás 18.30 horas, desenvolverase a presentación do libro Nariz vermello, unha obra da xornalista Cristina Arias e da deseñadora gráfica Laura de Cibreiro. Ademais, as autoras levarán a cabo un obradoiro dirixido ás nenas e nenos que asistan ao acto.
Nariz vermello é unha historia sinxela e divertida que non pretende ter un carácter educativo, senón ofrecer un espazo de entretemento no que se mesturan realidade e ficción. O relato mantén viva a maxia infantil a través de referencias a personaxes universais como os Reis Magos, Papá Noel, o Apalpador ou o Ratiño Pérez.
No conto, unha avoa cóntalle á súa neta unha vella historia familiar na que o seu avó molesta a un trasno que vivía na casa por non saber coidalo. O relato deixa aberta a dúbida sobre se ese ser máxico continúa acompañando á familia ou se marchou a outro lugar.
Quizais o trasno viva agora na casa da nena, que deberá aprender a coidalo se non quere sufrir as súas bromas, ou talvez se trasladou á casa de quen le o libro, facendo que a ficción traspase as páxinas. Ao longo da obra, os máis pequenos poden xogar coas ilustracións para atopar ese ser máxico que se agocha en todos os escenarios sen mostrarse nunca por completo, convidando á imaxinación a completar a historia.