A Biblioteca de Xermade nomea os socios de honra do 2025

A Biblioteca Pública Municipal de Xermade fixo entrega este xoves dos premios aos seus socios de honra correspondentes ao ano 2025, un recoñecemento co que se distingue ás persoas usuarias que máis lecturas realizaron ao longo do pasado ano no servizo bibliotecario.
Nesta ocasión, o galardón na categoría de persoas adultas recaeu en Carolina Martín, mentres que na categoría infantil o recoñecemento foi para Yeray Piñeiro, ambos destacados pola súa participación activa e constante no préstamo de libros e no fomento do hábito lector.
Como parte deste distintivo, os socios de honra poderán beneficiarse durante o presente ano de condicións especiais no uso da biblioteca, que lles permitirán levar un maior número de exemplares en préstamo e durante un período de tempo máis amplo do habitual.
A concelleira de Cultura do Concello de Xermade, Verónica Amarelo, foi a encargada de facerlles entrega dos correspondentes agasallos conmemorativos, que inclúen un diploma acreditativo, lotes de libros, un diario de lectura, camisetas do Concello e libretas. Deste xeito, a Biblioteca Pública Municipal de Xermade pon en valor o compromiso coa lectura dos seus usuarios e continúa promovendo iniciativas para incentivar o uso dos seus servizos entre a veciñanza.