A Biblioteca Municipal acolle a presentación da novela 'La voz que no dieron callado', de Anxo Vidal Rivas

TerraChaXa
Cunha prosa poética e de marcado carácter cinematográfico, a novela ofrece un retrato humano sobre o orgullo, a superación e a forza de quen foi silenciado
presentacion-libro-as-pontes
9 Jan 2026

A Biblioteca Municipal Rivera Rouco será o escenario da presentación do libro La voz que no dieron callado, a nova novela do escritor Anxo Vidal Rivas, unha obra de forte carga emocional que aborda cuestións como a memoria, o regreso ás orixes e a valentía de afirmarse nun contorno marcado polos prexuízos.

A historia está protagonizada por Álex, quen regresa ao seu pobo natal, As Pontes, tras anos de éxito fóra da casa. A súa volta, acompañada de estabilidade económica e poder, tamén trae consigo feridas do pasado que nunca chegaron a cicatrizar. No reencontro co lugar que o viu medrar, o protagonista enfróntase ás traizóns, aos amores non vividos e a unha comunidade que aínda arrastra vellas inercias de rexeitamento e silencio.

O que inicialmente semella unha visita puntual convértese nun proceso profundo de reconstrución persoal e colectiva. A través de conflitos, reconciliacións e silencios cheos de significado, Álex impulsa unha transformación discreta pero decisiva, abrindo camiños de verdade e dignidade alí onde antes houbo exclusión.

Cunha prosa poética e de marcado carácter cinematográfico, a novela ofrece un retrato humano sobre o orgullo, a superación e a forza de quen foi silenciado, ao tempo que reflexiona sobre o amor que perdura e a capacidade de converter a dor en motor de cambio.

A presentación terá lugar esta tarde de venres, ás 19.00 horas, na Biblioteca Municipal Rivera Rouco.

⚙ Configurar cookies
0.0795578956604