A Biblioteca Municipal de Vilalba entrega o mércores os premios do Reto Lector 2025

A Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz acollerá o este mércores, 28 de xaneiro, o acto de entrega de premios do Reto Lector 2025, unha iniciativa impulsada polo Concello de Vilalba para fomentar o hábito da lectura entre a veciñanza de todas as idades.
Nesta edición participaron un total de 84 persoas adultas, 103 crianzas e 11 entidades, consolidando o Reto Lector como unha proposta de referencia no ámbito da promoción cultural e educativa do municipio. O acto de entrega de premios completarase cunha actividade dirixida ao público familiar, que dará comezo ás 18:00 horas. Trátase do espectáculo de narración oral e improvisación Contamos contos de lobos?”, a cargo de Montse Piñón e Pepablo Patinho.
As persoas interesadas en asistir ao evento poden formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado polo Concello. Ademais, desde a Biblioteca Municipal lembran que o Reto Lector 2026 xa está en marcha e que as cartillas para participar poden recollerse na biblioteca ata o vindeiro 27 de febreiro, animando así á cidadanía a seguir lendo e formando parte desta iniciativa cultural.