A billarda conquista Friol nunha xornada marcada pola néboa e o dominio dos Troitas Bravas

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A cuarta proba da Liga Nacional reuniu a máis de sesenta palanadores no I Aberto do Narla, cun ambiente frío pero cheo de entusiasmo
Billarda-Friol-4-xornada-liga-2025-Chousa
15 Dec 2025

A Liga Nacional de Billarda sumou este domingo un novo territorio ao seu percorrido coa celebración da cuarta xornada da tempada en Friol, onde tivo lugar o I Aberto do Narla. A cita, organizada polo equipo Rachaventos, contou cunha destacada participación e cunha organización moi valorada polos asistentes, tanto pola coidada preparación da proba como polos premios entregados aos gañadores e aos máis pequenos.

A mañá estivo marcada polas baixas temperaturas e pola néboa, que cubría a contorna e agochaba o monte Lourenzo, mais iso non impediu que 63 palanadores tomasen parte na competición, entre eles 44 homes, 16 mulleres e 3 cativos. Ademais, habilitouse un campo adicional destinado á iniciación, pensado para que nenos e pais puidesen achegarse á práctica da billarda e coñecer este xogo tradicional.

No plano deportivo, a figura da xornada foi Muriego, dos Bulls, que se impuxo con autoridade nun torneo no que demostrou a súa mestría coa billarda. O segundo posto foi para Juanki, do equipo Troitas Bravas, que conseguiu o seu segundo varado da tempada, mentres que o terceiro lugar se decidiu nun disputado desempate no que Sachas, tamén dos Troitas Bravas, logrou subir ao podio por diante de Manu Caldeiro, David Navallo e Antom.

Na categoría feminina, Cris e Vanesa, do Castiñeiro Milenario, ocuparon o primeiro e o terceiro posto respectivamente, mentres que Aroa, de Billardeiros Musicais, acadou a segunda posición. En infantís, Mateo, coñecido como Troitiña, segue intratable esta tempada, por diante de Iria e Andrea.

A clasificación xeral tamén deixou novidades, xa que Troitas Bravas superou a Billardeiros Musicais e á Madia Lava, colocándose á fronte da Liga Nacional tras esta cita en Friol, confirmando o seu gran momento de forma.

⚙ Configurar cookies
0.076847076416016