A billarda vibra en Penas de Rodas na segunda xornada da LNB NorLeste

A billarda volveu converterse en protagonista en Penas de Rodas coa celebración da segunda xornada da Liga Nacional de Billarda (LNB) NorLeste, coñecida como o “II Aberto dos Canteiros”. O encontro tivo lugar o domingo 9 de novembro no campo de fútbol de Gaioso, onde 72 palanadores —53 homes, 16 mulleres e 3 cativos— desafiaron o frío e a humidade para vivir unha intensa mañá de deporte e confraternidade.
A pesar do tempo invernal, o ambiente foi de festa dende o comezo, e o sol acabou acompañando a competición. A organización destacou o bo desenvolvemento da xornada e o espírito de camaradería que caracteriza a toda a familia billardeira.
O novo sistema de puntuación, que establece un límite de golpes máis estrito, está a deixar marcas máis axustadas esta tempada. Tal e como se puido comprobar, as diferenzas foron mínimas e o resultado final sorprendeu a todos.
Antes da derradeira carreira, tres palanadores tiñan opcións ao título: Markytos con 19 puntos, Toño con 17 e Gundar con 15. Porén, a derradeira partida deu un xiro inesperado: o mariñán Markytos errou e sumou cero puntos, Toño engadiu tres e Gundar fixo cinco, o que lle permitiu igualar a Toño e superalo nun desempate final. Así, Gundar proclamouse vencedor desta segunda xornada, deixando o podio completamente reorganizado.
Na categoría feminina, houbo un emocionante triple empate entre Cris, Geni e Sara, que recibiron como agasallo unha camiseta conmemorativa. Pola súa parte, na categoría infantil participaron tres mozos: Mateo, Martín e Andrea, que remataron nesa orde.
En canto á clasificación por equipos, os Billardeiros Musicais, de Ribadeo, volveron subir ao máis alto do podio, revalidando o seu dominio en Penas de Rodas por diante de Troitas Bravas (A Pontenova) e Madia Leva (Lugo).
A entrega de premios celebrouse a carón das impoñentes pedras circulares que dan nome ao lugar, convertidas nun decorado natural de excepción para as fotos de grupo e os momentos máis emotivos da xornada.
A clasificación xeral deixa a Markytos (Billardeiros Musicais) como líder con 43 puntos, seguido de Gundar (Madia Leva) con 40 e Toño (Troitas Bravas) con 36. En donas, domina Cris (Castiñeiro Milenario) con 21 puntos, mentres que Vanesa, do mesmo equipo, ocupa o segundo posto con 13. En equipos, Billardeiros Musicais suman 143 puntos, seguidos de Troitas Bravas con 140 e Madia Leva con 119.
O evento rematou con parabéns para os organizadores e un ambiente de gran compañeirismo. “Foi unha xornada inesquecible de emoción, deportividade e amizade”, sinalaron dende a organización, que xa puxo a vista na próxima cita: o domingo 23 de novembro en Lugo. “Billarda sempre, e adiante co varal!”, proclamaron os xogadores entre aplausos.