A bioplanta de fibra reciclada de Ence nas Pontes recibe 24,7 millóns de euros do PERTE de Descarbonización Industrial

O proxecto da bioplanta de fibra reciclada branqueada que a empresa Ence impulsa no municipio das Pontes foi seleccionado provisionalmente para recibir unha axuda de 24,7 millóns de euros dentro da liña 4 do PERTE de Descarbonización Industrial promovido polo Ministerio de Industria e Turismo, segundo informou a propia empresa nun comunicado.
En concreto, a iniciativa contará cunha subvención de 24.691.726 euros no marco da convocatoria de axudas destinadas a instalacións manufactureiras altamente eficientes e descarbonizadas correspondente ao ano 2025, segundo o listado provisional de solicitudes estimadas publicado polo Ministerio.
A planta das Pontes pretende converterse nunha instalación pioneira a nivel mundial dedicada á produción de fibra reciclada branqueada a partir de papel e cartón recuperados. A través deste proceso, a compañía busca dar unha segunda vida a estes materiais, apostando por un modelo baseado na economía circular e na redución do impacto ambiental.
O proxecto obtivo o pasado mes de agosto a Autorización Ambiental Integrada por parte da Xunta de Galicia, un paso considerado clave para o desenvolvemento da iniciativa e para a súa posta en marcha.
A empresa destaca entre as súas características o feito de que non empregará madeira como materia prima, senón que utilizará exclusivamente papel e cartón reciclado. Ademais, o seu deseño contempla un consumo mínimo de auga e a utilización de tecnoloxías orientadas a reducir o impacto ambiental da actividade industrial.
A instalación tamén apostará pola autosuficiencia enerxética, xa que funcionará con enerxía renovable xerada a partir de subprodutos da industria forestal local, sen recorrer a combustibles fósiles.
Outra das novidades do proxecto é a aplicación da tecnoloxía de branqueo TCF, totalmente libre de cloro, sobre fibras recicladas, o que converterá a planta na primeira do sector en Europa en empregar este sistema neste tipo de procesos produtivos.
A bioplanta situarase nos terreos industriais da antiga central térmica de carbón das Pontes, polo que o proxecto é presentado tamén "como un exemplo de transición xusta e de reconversión industrial, ao contribuír á reutilización dun espazo vinculado historicamente á produción enerxética con carbón".