A campaña 'Dálle luz á túa factura' chega a Xermade con consellos para aforrar no recibo eléctrico

TerraChaXa
A cuarta edición da campaña ‘Dálle luz á túa factura’, coa que a Xunta busca asesorar os consumidores galegos sobre como reducir o gasto en electricidade, chega este fin de semana, o venres 22 e o sábado 23 de setembro, ao concello de Xermade.
21 sep 2017

A cuarta edición da campaña ‘Dálle luz á túa factura’, coa que a Xunta busca asesorar os consumidores galegos sobre como reducir o gasto en electricidade, chega este fin de semana, o venres 22 e o sábado 23 de setembro, ao concello de Xermade.

Como novidade este ano, ‘Dálle luz á túa factura’ conta cun expositor itinerante que vai percorrer as principais vilas de Galicia e que, neste caso, estará instalado no polideportivo municipal, onde se celebra o XVII Encontro internacional de torneiros. Alí, as persoas interesadas poderán recibir información e coñecer máis de preto este tipo de recomendacións prácticas.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa.

Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica.

‘Dálle luz á túa factura’ está a percorrer diferentes concellos galegos e, este ano, vai estar tamén presente en 15 feiras sectoriais que se celebrarán en Galicia no que queda de ano. A próxima será o domingo 24 no Mercado de produtos ecolóxicos, artesáns e de proximidade de Moraña (Pontevedra).

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook ‘Dálle luz á túa factura’, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Axudar aos fogares galegos
A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a preto de 7.000 familias desde que se puxo en marcha en 2014, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron polo de agora a máis de 4.000 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego, busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.

0.18530821800232