A campaña do comercio reparte este xoves mil euros en premios en Muimenta
A campaña da Federación de Comercio e a Asociación de Empresarios de Muimenta Mercar no teu comercio ten premio chega ao seu final este xoves, 6 de outubro, ás 13.30 horas, na Praza Maior da localidade.
O evento final da campaña empezará ás 10.00 hs na mesma Praza Maior. Neste lugar, entre as 10.00 e as 13.00 hs, poderán canxearse os tickets das compras realizadas durante as datas de duración da campaña (do 26 de setembro ao 6 de outubro) por boletos para participar no sorteo en directo de 1.000 euros repartidos en tarxetas prepago de 50 e de 30 euros. Estas tarxetas deberán ser empregadas polos gañadores en novas compras no comercio de proximidade local.
Mercar no teu comercio ten premio é unha iniciativa de promoción do comercio de proximidade galego, organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Economía, Industria e Innovación – Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso da Asociación de Empresarios de Muimenta.
Así, todos os clientes de Muimenta que realizaran compras no comercio de proximidade entre o 26 de setembro e o 6 de outubro, poden participar no sorteo en directo destos 1.000 euros en premios. Este sorteo contará coa presencia de representantes das entidades organizadoras, entre eles Ana Lozano, vicepresidenta da Asociación de Empresarios de Muimenta; e José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo.
DÍAS AZUIS
Por outra banda, a Asociación de comerciantes de Muimenta fixo entrega da tarxeta prepago, por valor de 250,00 euros.
Foi o Supermercado La Tienda de Muimenta o que lle fixo entrega a Mari González Grandío, ao ser unha das gañadoras da Campaña dos Días Azuis que tivo lugar a principios do verán.