A Carreira Popular de Castro de Rei será o 7 de xaneiro
O Concello de Castro de Rei celebrará finalmente a súa I Carreira Popular Concello Castro de Rei o 7 de xaneiro, con saída na Casa do Concello, e discorrerá por vías da Deputación de Lugo. A meta será no núcleo poboacional de Castro Riberas de Lea.
A proba pechou a súa inscrición cun total de 474 participantes que terán a súa saída no núcleo de Castro de Rei, dende a casa do Concello, e a meta no núcleo de Castro Riberas de Lea. A organización porá a disposición dos participantes na proba un servicio de autobuses para trasladar os deportistas dende a zona de meta á saída. O servicio de autobuses comezará ás 9.30, sendo o último servizo ás 10.10.
Haberá cinco categorías. A absoluta, ás 10.30 horas, constará de 14 quilómetros. Os rapaces entre 18-16 anos percorrerán 4 quilómetros a partir das 12.40; os que teñan entre 12 e 14, farán 2 quilómetros desde as 12.30 horas. Cinco minutos antes correrán os pequerrechos (0,4 quilómetros) e os primeiros serán os pitufos, con 0,15 quilómetros de percorrido.
Esta primeira edición repartirá os seguintes premios:
- Trofeo os tres primeiros clasificados masculinos e femininos da carreira absoluta.
- Trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoria tanto masculinos como femininos.
- Na categoría de PITUFOS daráse medalla a todos os participantes. Non haberá trofeos para esta categoría nin se farán clasificacións.
- Na categoría de PEQUERRECHOS daráse medalla a todos os participantes, así como trofeo ós tres primeiros clasificados tanto masculinos como femininos.
A entrega de premios será na zona de meta, no caso que a climatoloxía o impida farase no pavillón municipal e comezará, aproximadamente, ás 13.00h.