A Casa da Cultura da Feira do Monte acollerá en marzo a segunda edición do curso 'Seguir Conectados'

TerraChaXa
A formación desenvolverase os luns 9, 16, 23 e 30 de marzo en horario de 17.00 a 18.30 horas
curso-cousas-nosas
6 Mar 2026

A Casa da Cultura da Feira do Monte será escenario durante o mes de marzo da segunda edición do curso Seguir Conectados, unha iniciativa formativa destinada a axudar á veciñanza a mellorar o uso das ferramentas dixitais no día a día.

O curso desenvolverase os luns 9, 16, 23 e 30 de marzo en horario de 17.00 a 18.30 horas. Durante estas sesións, as persoas participantes poderán aprender a manexar diferentes recursos tecnolóxicos e resolver dúbidas relacionadas co uso do móbil, da tableta ou do ordenador.

Entre os contidos previstos figuran as buscas en Internet, as compras en liña, o funcionamento da aplicación Sergas Móbil, o uso de distintas aplicacións para teléfonos intelixentes e o manexo das redes sociais, cuestións cada vez máis presentes na vida cotiá.

O prezo do curso completo será de 15 euros para as persoas socias e de 20 euros para quen non o sexa. A actividade está organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Cousas de Nosas de Cospeito e conta coa colaboración do Concello de Cospeito.

Con esta iniciativa preténdese facilitar o acceso ás novas tecnoloxías e fomentar a autonomía dixital da cidadanía, ofrecendo un espazo de aprendizaxe práctico no que resolver dúbidas e adquirir habilidades útiles para o día a día.

0.12422800064087