A Casa da Cultura de Meira acolle a exposición 'Sempre en Galiza, 1944-2024'

TerraChaXa
A mostra pode visitarse durante o horario de apertura da Casa da Cultura ao longo desta e da vindeira semana
castelao
2 Sep 2025

Desde onte e durante dúas semanas, a Casa da Cultura de Meira acollerá a exposición Sempre en Galiza, 1944-2024, unha mostra dedicada á obra cumio do pensamento político de Castelao, considerada un alegato fundamental a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galicia.

A exposición propón un percorrido cronolóxico que contextualiza os textos de Castelao en relación coa súa actividade política. Comeza en 1934, cando o autor asina os primeiros artigos no desterro estremeño, e remata en 1944, ano no que se funda o Consello de Galicia, goberno galego no exilio do que foi o primeiro presidente, coincidindo tamén coa publicación da primeira edición da obra.

A iniciativa pertence á Rede Museística Provincial de Lugo, está financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e conta coa colaboración do Concello de Meira, que cedeu o espazo expositivo. A organización corre a cargo da Asociación Cultural M de Meira.

A mostra pode visitarse durante o horario de apertura da Casa da Cultura ao longo desta e da vindeira semana.

⚙ Configurar cookies
0.13351607322693