A Casa da Cultura de Outeiro de Rei acolleu a clausura do Programa Integrado de Emprego

LugoXa | TerraChaXa
Agora xa se está poñendo en marcha o seguinte programa integrado 2024/2025
obradoiro-de-emprego-Outeiro-de-Rei-2024
15 Nov 2024

A Casa da Cultura de Outeiro de Rei acolleu a clausura do Programa Integrado de Emprego do Concello de Outeiro de Rei 2023/2024.

Este programa iniciouse o 13 de novembro de 2023 e finalizou o 12 de novembro de 2024 e nel participaron 100 mulleres dos concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Mondoñedo, Outeiro de Rei e Rábade.

Durante o programa integrado de emprego, 40 mulleres do mesmo acadaron unha oportunidade para incorporarse ao mercado laboral. Agora xa se está poñendo en marcha o seguinte programa integrado 2024/2025.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na clausura deste obradoiro, no que a Xunta destina 220.000 euros a financiar cada un deles.

Os programas ofrécenlles aos participantes ferramentas que lles facilitan a súa inserción laboral. Para iso, desenvólvense accións transversais de distinta natureza, como obradoiros e talleres nos que se simula a realización de entrevistas, ensínase a elaborar un currículo, mellóranse as competencias dixitais e as habilidades sociais, estimúlase a capacidade emprendedora e foméntase a mobilidade xeográfica, entre outros aspectos.

Tamén se realiza a prospección empresarial en sectores de actividade que se adapten ás características de cada programa e aos perfís do alumnado. No caso do que se clausura, centrouse principalmente nos servizos, turismo e atención aos cidadáns. Así mesmo, promóvese a realización de prácticas non laborais en empresas.

Ademais, polo menos o 35 % das persoas participantes nestes programas teñen que ser inseridas no mercado laboral durante a execución do proxecto, ben por conta allea ou propia ou como socios traballadores dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non inferior a seis meses.

En canto aos colectivos aos que vai destinado, priorízanse as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, menores de 30 anos cualificados, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.

0.15258693695068