A Casa das Ínsuas acolle un obradoiro de gravación de paisaxes sonoras e narración documental
A Casa das Insuas acolle os vindeiros 12, 13 e 14 de maio un obradoiro de gravación de paisaxes sonoras e narración documental.
Este obradoiro de creación colectiva nace co obxectivo de realizar unha expedición comunitaria a través de prácticas de escoita profunda e da gravación de paisaxes sonoras nas Insuas do Miño e nos Pozos do Ollo, paraxes de gran riqueza ambiental.
O obradoiro contará con diferentes perspectivas: a bioloxía, gravación de especies, a xeoloxía, a auga e a súa acústica particular, así como a historia oral, lendas dos seus poboadores e veciños.
A inscrición realizarase a través deste enlace e hai 12 prazas dispoñibles cun prezo de 98 euros.
O Venres 12 de maio a xornada dará comezo ás 11h con ‘O relato sonoro e as súas linguaxes’. Este apartado contará cunha iniciación á gravación de campo e introdución á narrativa en audio, o xénero audio documental e a produción de podcast.
Ademais falarase da historia, referentes, evolución e tendencias actuais así como a teoría e tratamento de audio dixital, con recomendación de equipos técnicos, microfonía, gravadoras, editores, etc.
Xa pola tarde ás 16 será a quenda de ‘Camiñar e escoitar xuntos’ un paseo colectivo de recoñecemento de localizacións con exercicios de escoita profunda en exterior e primeiras experiencias de gravación co uso de diferentes técnicas e micrófonos.
O sábado 13 dará comezo con Oídos expandidos ás 11.00 con gravacións de paisaxes sonoras en grupo, busca, escrita e gravación de relatos orais propios da zona.
Pola tarde, ás 16 será a quenda de ‘Escribir co oído’ unha iniciación e práctica da edición sonora en software multipista. Con catalogación, escoita de materiais obtidos e posta en común de notas, ideas e posibles fíos narrativos.
Para finalizar o domingo 14 de maio ás 11 dará comezo ‘Xogamos co tempo, o relato ábrese paso’ onde se realizará a selección e edición dos materiais obtidos e a montaxe de audio en colectivo con gravación, se fose preciso, de locucións.
Dende ás 16.00 ata ás 19.00 realizarase a mestura final da peza con escoita colectiva e conclusións.
A organización recomenda a cada participante que poda aportar o seu propio equipo (en caso de dispoñer del), como ordenador portátil ou gravadoras. É moi importante que cada participante leve os seus propios auriculares.
Dende a organización tamén se porá a disposición dos participantes equipamento propio, como diferentes tipos de gravadoras e de micrófonos.