A Casa das Insuas acolle un obradoiro de xabóns artesanais con la de ovella galega

A Casa das Insuas organiza para o domingo 12 de abril un obradoiro creativo centrado na elaboración de xabóns artesanais, unha proposta que combina tradición, sustentabilidade e expresión artística nun entorno natural privilexiado.
A actividade desenvolverase en horario de 10:00 a 14:00 horas e estará impartida por Ovella Viva, un proxecto especializado na posta en valor da la de ovella galega. Durante a xornada, as persoas participantes aprenderán a crear xabóns cubertos e decorados con la previamente lavada, cardada, tinguida e feltrada a man, coñecendo de primeira man todo o proceso artesanal.
Este obradoiro preséntase como unha oportunidade para achegarse ás técnicas tradicionais e gozar dun espazo creativo e relaxado, fomentando ao mesmo tempo o contacto coa natureza e os materiais locais.
As persoas interesadas poden reservar a súa praza a través dun formulario en liña, e obter máis información mediante o correo electrónico da organización.
A iniciativa enmárcase no acordo de custodia do territorio asinado entre a AGCT e a Deputación de Lugo, que ten como obxectivo a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte, así como na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.