A Casa das Insuas acolle unha xuntanza da Rede de Custodia Agraria

A Casa das Insuas acollerá este martes, 30 de decembro, unha xuntanza da Rede de Custodia Agraria da Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha cita dirixida a poñer en común coñecementos, avaliar o traballo desenvolvido ao longo do ano e promover os valores da custodia do territorio e da gandaría extensiva.
A xornada desenvolverase entre as 12.00 e as 16.00 horas e arrancará cunha charla sobre os servizos ecosistémicos nas paisaxes de gandaría extensiva, que será impartida por Emilio R. Díaz Varela. Posteriormente, terá lugar unha sesión de valoración das actividades realizadas durante o ano 2025 no marco da Rede de Custodia Agraria, coa finalidade de analizar os avances acadados e marcar liñas de traballo de cara ao futuro.
A xuntanza pecharase cunha degustación de produtos da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que servirá tamén como espazo de encontro e intercambio entre as persoas participantes, produtores e entidades implicadas na conservación e xestión sostible do territorio.
A actividade está organizada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio e conta co apoio da Deputación de Lugo e da Reserva da Biosfera Terras do Miño, no marco do Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco, reforzando así o compromiso coa protección ambiental e o desenvolvemento rural sostible.