A Casa das Insuas de Rábade celebra en febreiro a tradicional xornada de poda de vimbios
O sábado 6 de febreiro, de 10:30 a 14:00, a Casa das Insuas de Rábade acollerá a súa xornada anual de poda de vimbios para cestería no Prado da Ponte. Nesta xornada realizarase a poda e mantemento de vimbios para cestería.
Ó inicio da actividade explicaranse as estritas medidas de uso debidas á pandemia, que serán de obrigado cumprimento. É obrigatorio o uso de máscara en toda a actividade, así como manter a distancia de seguridade. Tamén as prazas están limitadas á lexislación vixente e non está permitida a asistencia de persoas que vivan en concellos con peche perimetral.
O Prado da Ponte é unha finca custodiada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio na que se desenvolven actividades de conservación da natureza e de educación ambiental. Componse de varias zonas en rexeneración ambiental: un bosque de ribeira no que se están a eliminar as especies alóctonas invasoras existentes; un Salicetum ou plantación experimental de vimbios que nos permite obter o material para a realización de cursos de cestería e dous humidais, unha charca e unha canle tradicional, de vital importancia para as anfibios e insectos acuáticos da zona.
Os interesados en participar deberán inscribirse na direccion casadasinsuas@gmail.com ou no teléfono 680 560 882.