A Casa das Insuas de Rábade celebrará a InsuaEscola de Nadal para nenas e nenos de 6 a 12 anos

A Casa das Insuas de Rábade organizará a InsuaEscola de Nadal 2025, unha actividade gratuíta dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que se desenvolverá os días 29, 30 e 31 de decembro. A iniciativa busca ofrecer unha alternativa educativa e de lecer durante as vacacións de Nadal, promovendo o contacto coa natureza e a aprendizaxe a través de actividades adaptadas á infancia.
As sesións terán lugar en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, nas instalacións da Casa das Insuas, un espazo de referencia vencellado á educación ambiental e á conservación do territorio. Durante estes días, as persoas participantes poderán gozar de propostas lúdicas e formativas relacionadas co medio natural, o respecto polo contorno e os valores da sustentabilidade.
As inscricións e a información adicional poden solicitarse a través do correo electrónico casadasinsuas@gmail.com. A actividade conta co apoio da Asociación Galega de Custodia do Territorio, da Casa das Insuas, da Deputación de Lugo, da Reserva da Biosfera Terras do Miño e do Concello de Rábade.