A Casa das Insuas organiza un curso de iniciación á ilustración da natureza con Mariana Roura
A Casa das Insuas de Rábade acollerá un curso de iniciación á ilustración da natureza, impartido pola recoñecida ilustradora científica e naturalista Mariana Roura. Este curso, deseñado para achegar a ilustración naturalista a persoas de todas as idades e perfís, terá unha duración de cinco sesións, entre febreiro e maio, cada unha delas celebrada en sábado, con horarios de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.
O prezo do curso completo é de 200 euros para socios da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e 225 euros para non socios. Ademais, no caso de quedar prazas dispoñibles, existirá a posibilidade de asistir a sesións individuais cun custo de 40 euros para socias e 45 euros para non socias.
As sesións terán lugar o 1 de febreiro sobre aves, o 8 de marzo sobe anfibios e réptiles, o 5 de abril de mamíferos, o 3 de maio de plantas e o 31 de maio de invertebrados.
O curso ten como obxectivo introducir aos participantes no mundo da ilustración naturalista como ferramenta para o estudo e observación da natureza. Aprenderanse técnicas, procesos e conceptos como o volume, os movementos ou a anatomía, sempre co propósito de lograr debuxos realistas. Se as condicións meteorolóxicas o permiten, tamén se realizarán saídas ao campo para practicar bosquexos ao natural. O curso completarase cunha práctica continuada na casa, de forma que as persoas participantes poidan consolidar os coñecementos adquiridos.
Esta actividade está aberta a todo tipo de público, sen importar a experiencia previa en debuxo ou coñecementos sobre fauna. O propósito é achegar o mundo da pintura da natureza incluso a quen considera que “non se lles dá ben”. Como explican desde a organización, o debuxo fomenta a observación, a paciencia e a atención, converténdose nunha actividade que podería definirse como meditativa. Ademais, promove a curiosidade e o respecto pola biodiversidade, contribuíndo á concienciación sobre a crise ambiental e climática actual.
A pesar do enfoque no realismo, o curso respectará sempre o estilo persoal de cada participante, poñendo o acento no goce da experiencia e no desenvolvemento da creatividade.
O curso inclúe os materiais necesarios, aínda que se permite levar material propio.