A casa de Manuel María celebrou o Día da Poesía co tradicional concurso de recitado
A Casa-Museo Manuel María festexou esta fin de semana o Día da Poesía coa sexta edición do concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro e Manuel María con alumnado de distintos lugares de Galiza.
O certame, que leva por título Rosalía sempre viva, desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, na xornada do sábado, e contou cunha importante participación, con números superiores a pasadas edicións celebradas antes da pandemia da COVID. O alumnado participante, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso cun nivel altísimo que puxo moi complicado o veredito do xurado.
N a primeira categoría (1º, 2º e 3º de primaria) a gañadora foi Lara López Vázquez, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema O carro de Manuel María. Na segunda categoría (4º, 5º e 6º de primaria) foi Carla Sánchez Lamas do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, a vencedora co poema A fala de Manuel María.
En Educación Secundaria, na terceira categoría, venceu Sara Martínez Quindimil do CPI de Xanceda (Mesía), polo recitado do poema Castellanos de Castilla de Rosalía de Castro e en 4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos) gañou Noelia Fernández Romero, do IES Félix Muriel de Rianxo, polo recitado do poema Silencio de Rosalía de Castro.
Tamén recibiron unha mención honorífica Iago Gayoso López, na categoría 1ª, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema Rosas de Manuel María; na categoría 2ª, Manuel Pedreira Syeiro, do CEIP Anexo-A Lomba de Vilagarcía de Arousa, por Canto ao idioma galego de Manuel María; na categoría 3ª, Sara López Ramudo, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba polo recitado do poema Campana de Bastabales; e na 4ª categoría, Mauro Docampo Gacio, do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, polo poema O cedro da horta da Casa de Hortas, de Manuel María.
A Casa-Museo Manuel María agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio decorrese con suceso.
Consulta o recitado dos gañadores nesta ligazón.